Ideas forza

Horizontalidade. Queremos traballar desde a participación directa, o diálogo constante e a ausencia de paternalismos. Non se trata de traballar para a mocidade, senón de traballar coa mocidade. De forma aberta e relacional, abrindo vías de participación, opinión e suxestión para que calquera persoa poida intervir na proposición e deseño de novos proxectos e na avaliación do traballo que se leve a cabo.

Transversalidade. A mocidade non é unha área temática concreta e uniforme, senón un espazo de idade amplo, diverso, plural e complexo. Xa que logo, a necesidade dun traballo transversal entre a área de Mocidade e outras áreas municipais (Cultura, Educación, Servizos Sociais, Deporte, Medio Ambiente, Igualdade,  …)  resulta evidente. Lonxe de ser un problema, esta realidade que explicamos preséntanos oportunidades relevantes: un mellor aproveitamento dos recursos cos que xa conta hoxe o Concello e  unha planificación dos proxectos máis integral e estratéxica.

Protagonismo da mocidade de Ribadeo. Fronte aos modelos convencionais que outorgan un papel pasivo á xente nova -como mera receptora dunha oferta de actividades prefixada -, preferimos proxectos negociados nos que a mocidade sexa protagonista, desde o deseño inicial ao desenvolvemento final. Esa aposta, no noso caso concreto,  aséntase ademais na confianza e no coñecemento do potencial que a mocidade de Ribadeo manifesta en diferentes campos: creatividade,  innovación, emprendemento.

Valores

Traballamos desde os valores da convivencia e da creatividade. Acreditamos plenamente na:

  • Proximidade, para o coñecemento e a valorización do que nos rodea, con sentido de veciñanza.
  • Diálogo, para construír desde as diferenzas, para sumar forzas desde a pluralidade.
  • Cooperación, para compartir responsabilidades e capacidades, para deseñar horizontes en común.
  • Creatividade, nas formas de facer, de comunicar, de imaxinar propostas.
  • Formación, para abrírmonos posibilidades, para desenvolver os talentos e as capacidades de nós todos e todas.
  • Xustiza social, para xerar igualdades verdadeiras (de dereitos e de oportunidades).
  • Identidade, para mirar desde nós o mundo, de forma aberta, para mostrar e aprender aos outros e dos outros.