Ribadeo acolle un festival solidario de axuda pro-asistencia infantil

publicado en: Actividades, Cultura, Sonda Norte | 0

Por terceiro ano consecutivo, Ribadeo acolle a celebración dun festival solidario de axuda pro-asistencia infantil. A proposta terá lugar os días 28, 29 e 30 de decembro e contará con música, actividades para o público infantil e a posta en marcha dun espazo solidario na Praza de Abastos.

O venres 28 de decembro, a partires das 22.30 horas no MiniBar terá lugar o concerto “Rock Solidario” (Entrada: 5 euros).

O sábado 29 de decembro as actividades comezarán pola mañá, ás 12.00 horas na tenda de música Vírgula, cun concerto de panxoliñas a cargo do Coro infantil de Vegadeo.

Xa pola tarde, na tendabar Amodiño da Zona Vella, maxia, música e o “rúacital” no “Lecer Solidario”. O relevo tomaráo a Banda Municipal de Ribadeo ás 21.00 horas no auditorio muncicipal de Ribadeo co tradicional concerto de Nadal “Aquí como en Viena”. Será a antesala do pecha da xornada no pub Rockuncho onde se celebrará un concerto acústico con música tradicional e rock e no que Kike realizará ilustracións en simultáneo coa música que serán subastadas.

O domingo 30 de decembro, a partires das 12.00 horas na Praza de Abastos, crearase un Espazo Solidario onde haberá un mercado de troco, diferentes postos de venda e máis unha mesa de traballo de cara a constitución dunha cooperativa de desempregadas/os.

O festival conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, do colectivo Sonda Norte, da Asociación Amadores da Música, do bar Rockuncho, do MiniBar, da TendaBar Amodiño, da tenda de música Vírgula e da ONG Amarante.

Compárteo!