Remata xullo cunha morea de actividades culturais en Ribadeo

publicado en: Actividades, Cultura | 0

Ribadeo ferve en actividades podería ser o título da crónica coa que resumir o feixe de actividades culturais coas que rematará o mes de xullo na vila.

A primeira parada será o mércores, 25 de xullo, día da Patria, cando a Banda Municipal de Ribadeo celebrará o XVIII Festival de Bandas de Ribadeo, unha das citas clásicas do verán local. Alén da formación ribadense actuarán tamén a Banda de Lousame e máis a Banda de Meira. Será ás 19.00 horas no templete da música do Parque de San Francisco.

Sen tempo para o repouso, os días 26 e 27 de xullo, xoves e venres, a Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza as décimas X Xornadas de Historia Local. O primeiro día, Celia Castro fará un percorrido por Ribadeo da man dos seus pintores e pintoras e na segunda xornada, Mª Carmen Rodríguez Cancelo falará de “A Coral Polifónica, unha experiencia persoal”. Ambos e dous relatorios serán ás 20.30 horas no salón de actos da Casa do Mar.

 

 

 

 

E o sábado 28 de novo música, desta volta nas Anzas da man das mulleres da AC Alesancia. Polifacéticas onde as haxa desta volta póñense mans á obra para dar forma ao I Festival de Verán nas Anzas. Polo de agora tan só nos anticipan, sen dar nomes (irán debullando neles ao longo da semana e nós darémosvos conta aquí conforme o vaiamos sabendo) que a música correrá a cargo de grupos da comarca polo que a calidade está asegurada. Alén da música tamén haberá uns pinchos gratis e máis bebida a prezos populares. Ah! E sábese a hora de comezo, a partires das 20.00 horas no parque das Anzas pero a hora de remate vén dada polo que o corpo aguante.

E tamén nas Anzas, pero o domingo 29 celébrase a 1ª Malla do Trigo na eira da Escola. A partires das 11.00 horas malla, reparto da “parva”, xogos tradicionais, mostra de oficios tradicionais, xantar popular…

E o propio domingo, ás 13.00 horas, mostra de danza infantil no Cantón dos Moreno da man das alumnas de María Justo.

E se xullo remata con forza, o comezo de agosto non queda atrás: máis Sonda Norte, máis festas gastronómicas, máis exposicións, máis concertos…

Compárteo!