Os Folkgazais presentan en Ribadeo o seu novo disco “Haiga”

publicado en: Actividades, Noticias | 0

As “Músicas Posíbeis” volven este venres e máis este sábado a Ribadeo e fano cun cartel de luxo. O Cine-Teatro viste as súas mellores galas para recibir aos Folkgazais, un grupo formado por músicos de ambas e dúas beiras da Ría, que fan o que eles denominan como “pachanga-folk”, ritmos que combinan o son das orquestras dos anos 40 50 e 60 co dos cuartetos e quintetos de música tradicional das zonas dos Oscos-Eo e das Terras de Burón.

E por riba, para máis luxo, actúan en Ribadeo co gallo da presentación do seu novo traballo discográfico, titulado “Haiga”. Neste disco, que sae adiante grazas ás aportacións de particulares, empresas e institucións (baixo o sistema de micro-mecenado coñecido como “crowfunding”), pódense atopar estilos como a cumbia, a habaneira, o fox-trop, o swing, a bossanova ou o primeiro narcocorrido escrito en galego do Eo-Navia: Na raia.

O primeiro concerto será o venres 26, ás 21.30 horas, para aquelas persoas que participaron no finanzamento do CD e máis para quen compre o disco ese mesmo día que recibirá como agasallo unha entrada. O do sábado 27 está aberto ao público en xeral e será tamén ás 21.30 horas conta coa colaboración do colectivo Sonda Norte.

Nas seguintes ligazóns podedes atopar máis info sobre “Os Folkgazais”…

  • http://quiqueroxios.wordpress.com/2012/10/21/presentacion-de-haiga-el-segundo-disco-de-os-folkgazais-entrevista-a-abel-perez/
  • http://www.gacetadeleo.com/cultura/43-conjunto-os-folkgazais-presenta-su-nuevo-disco-haiga.html
  • http://www.facebook.com/conjunto.folkgazais
Compárteo!