• Música, maxia, deporte e moito máis neste Nadal

    O Concello de Ribadeo xa ten lista a súa programación de actividades de Nadal. O programa inclúe música, maxia, deporte, obradoiros e, como non, a visita do Apalpador.

    As actividades comezan o 26 de decembro coa actuación para o público infantil do grupo Mamá Cabra que presentará o seu espectáculo “Cantos pequenos”. Será ás 17.30 horas no Cine-Teatro e o custe da entrada é de 2,50 euros.

    Vénnos visitando ao longo dos últimos anos e non podía faltar este. Dende a montaña do Courel a Ribadeo chega, o 30 de decembro contra as 13.00 horas, o Apalpador. Ten como obxectivo ver a todas as nenas e nenos da vila e máis das parroquias (e tamén a quen xa non é tan pequeno/a) polo que sairá da Praza de San Roque e fará un percorrido até o parque de San Francisco. No caso de que chova darémoslle acubillo no Cine-Teatro.

    E trala visita do Apalpador a maxia non marcha de Ribadeo. O propio día 30 de decembro, ás 17.30horas, no auditorio municipal Hernán Naval de Ribadeo, actúa o mago “Crystyan Magic”. A entrada custa 2,50 euros.

    O Nadal tamén é sinónimo de deporte en Ribadeo. O día 31 de decembro, noitevella, celebrarase, como vén sendo habitual, a San Silvestre. Unha carreira popular clásica xa no calendario deportivo ribadense e que este ano está dividida en tres categorías: “Mini” (para menores de 6 anos) que terá lugar ás 16.40 horas; “Milla” (rapazas e rapaces entre 6-11 anos) que sairá ás 16.50 horas; e a San Silvestre para maiores de 11 anos que sairá ás 17.00 horas. Podedes apuntarvos no mail deportes@ribadeo.org ou na Casa da Xuventude. Atoparedes máis información na páxina de Facebook da Concellaría de Deportes.

    Para ir collendo ritmo de cara a San Silvestre, a delegación de Deportes, organiza entre os días 26 e 28 de decembro, de 11.30 a 13.30 horas no Pavillón dos Deportes partidos de fútbol sala, baloncesto e tenis de mesa. Podedes apuntarvos na Casa da Xuventude.

    Para que o Nadal sexa tamén un período de actividades creativas propoñémosvos unha serie de obradoiros:

    • Entre os días 26 e 29 de decembro: Obradoiro interxeracional de construción de xoguetes con materiais de refugallo. Para nenas e nenos maiores de 6 anos. Máis información no Centro de Día, onde terán lugar as actividades (982.120.407).
    • Entre os días 2 e 4 de xaneiro de 2013: “Xa chegou o Nadal”: cociña, manualidades, xogos, etc para nenas e nenos nados entre 2007/2009. Celebraranse na Casa da Xuventude entre as 11.00 e as 13.30 horas e teñen un custe de 10 euros.
    • Nas mesmas datas organizamos tamén “Unha viaxe internadal”, para nenas e nenos nados entre 2003/2006. Obradoiros de cociña, marionetas, actividades de maxia… Celebraranse na Escola Municipal de Música e Danza entre as 16.00 e as 19.00 horas. Teñen un custe de 10 euros.
    • Para as/os maiores de 10 anos, tamén na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, temos preparado o obradoiro “Móvete no Nadal”, con actividades de traballo co coiro, tatuaxes de henna, cociña, xogos… Terán lugar entre as 16.00 e as 19.00 horas.

    Non dubides en contactar con nós para calquera tipo de información na Casa da Xuventude, no enderezo electrónico omix@ribadeo.org ou na nosa páxina en Facebook.

     

    Compárteo!
    Post Tagged with , ,
Comments are closed.