• Interpretación, música e xira no comezo de agosto

    Se xullo remataba en Ribadeo sendo un fervedoiro de actividade agosto semella non dar tregua.

    Este xoves, 2 de agosto, comeza no Cine-Teatro de Ribadeo unha das accións formativas do “Proxecto Buxiganga”, desenvolvido pola área de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo en colaboración coa área de Cultura do Concello de Ribadeo. Trátase dun curso de interpretación, baixo o título “Ponte en escena”, impartido pola actriz, guionista e directora Comba Campoy. Desenvolverase os días 2, 7, 9, 14, 21, 23, 28 e 30 de agosto en horario de 20.30 a 23.00 horas. Infórmate no 982.131.565.

    A nota musical local póñena os Remakers no concerto que ofrecerán o venres, 3 de agosto, ás 21.16 horas nas “Catro Calles” no marco das actividades do colectivo Sonda Norte. Para ir abrindo boca aquí vos deixamos un petisco do que fai este quinteto ribadense.

    E tamén o venres, máis música como anticipo á “Xira de Santa Cruz” que organiza a Asociación Amigos da Gaita coa colaboración do Concello de Ribadeo e que se celebrará, como vén sendo tradición, este primeiro domingo de agosto. Desta volta a encargada de poñer melodías á noite ribadense será a pregoeira deste ano, Susana Seivane que actuará no Cantón dos Moreno á partires das 22.30 horas. Na imaxe tendes todas as actividades programadas para a edición deste ano da “Xira”.

    Non só na vila hai actividade. Tamén Rinlo se prepara para a novena edición da Festa do Percebe que se celebrará este sábado, 4 de agosto dende as 12.00 horas.

     E por diante, para o resto de mes, a exposición “Exporock Ribadense”, a mostra “Mariñarte 2012” e e moitas máis actividades das que daremos conta ao longo da vindeira semana.

    Compárteo!
    Post Tagged with , ,

Deixa unha resposta