• ExpoRock Ribadeo… Unha viaxe á historia do “pequeno Seattle”

     ExpoRock Ribadeo, a segunda exposición que organiza o colectivo Sonda Norte, estará aberta ao público na Casa da Xuventude durante todo o mes de agosto.

    Pero esta mostra ten un “aquel” que a fai diferente. É unha exposición en construcción permanente. A base, que andan artellando estes días Rober e Cherry, é un percorrido pola historia do rock en Ribadeo dende os anos 60 até hoxe da man de imaxes dos grupos, dos concertos celebrados, camisolas, discos ou algún instrumento…

    Os piares iranse erguendo ao longo dos días nos que se atope aberta. Por que? Porque este caderno de viaxe polo rock local ten aínda moitas páxinas por encher que agardan polas lembranzas, anécdotas ou detalles de todas aquelas persoas que formaron parte dalgún dos grupos ou que simplemente gustaron deles como público. De aí que a ExpoRock Ribadeo apareza tamén como punto de encontro para recuperar de xeito conxunto a memoria historia do rock local e máis como alicerce para as novas xeracións, para convidalas a seguir escribindo novas páxinas na particular historia deste “pequeno Seattle” que é Ribadeo.

    Na mostra non faltan nomes coma Atila, Amigos de lo Ajeno, Inerte, Beetle Judge, Sempre se Fixo, Voodow Crow, A Contrabanda e moitos outros…

    Compárteo!
    Post Tagged with , ,
Comments are closed.