• Curso de Verán: arte e patrimonio na Mariña Lucense

    Facer da arte e máis do patrimonio na Mariña Lucense un motor para o desenvolvemento comarcal. Eis o obxectivo de estudo do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela que se vai celebrar no Cine-Teatro de Ribadeo entre os días 18 e 20 de xullo. O curso está dirixido por José Manuel López Vázquez e Juan Monterroso Montero e conta na secretaría do mesmo co ribadense Diego Rodríguez Paz.

    Ao longo destes tres días realizaranse análises sobre a figura de Dionisio Fierros e a súa relación coa paisaxe galega; sobre o papel que pode xogar o patrimonio cultural ribadense nas estratexias para o desenvolvemento local (centrando a atención no Ribadeo indiano e máis na Casa das Algas); abordaranse os retos aos que se enfronta o patrimonio cultural;  achegaranse ponencias arredor de San Martiño de Mondoñedo como un espazo para coñecer, a arquitectura do mosteiro de Vilanova de Lourenzá ou a figura de San Rosendo; e realizarse unha achega á figura do escultor Francisco de Moure, entre outros relatorios.

    No curso participarán, docentes da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña, do CEPESE de Porto (Portugal) así como xestores culturais e representantes dos concellos de Ribadeo, Foz e Mondoñedo e máis da Deputación Provincial que disertarán, nunha mesa redonda, arredor das estratexias para a difusión da cultura no ámbito local e comarcal.

    Entre as actividades complementarias coas que conta este seminario figuran unha visita ás covas do rei Cintolo e máis un concerto da Coral Polifónica de Ribadeo, na tarde-noite do venres 20.

    Malia que para obter os créditos de libre elección cos que está recoñecido este curso é preciso realizar a matrícula no mesmo os relatorios son abertos ao público en xeral.

    PROGRAMA COMPLETO

    Compárteo!
Comments are closed.