• Concerto de música antiga en Ribadeo

    A delegación de Cultura do Concello de Ribadeo organiza o concerto do  grupo de cámara Il Colori Dell’Armonia, con sede na cidade portuguesa de Porto, pero formada por músicos galegos.

    Esta formación está composta polos licenciados en Música Antiga pola Escola Superior de Música e das Artes Escénicas de Porto (ESMAE), Mariña García-Bouso Fernández (violino barroco), de Ribadeo e Andoni Conde Villar (violino barroco), nado en Vitoria, pero de pais galegos; así como por Xurxo Lois Varela Díaz (viola da gamba), de Santiago de Compostela e profesor da ESMAE, e Débora Valuja González (crave), natural de Ourense e alumna do último curso da licenciatura en música antiga, tamén da ESMAE.

    Nesta ocasión, o grupo interpretará obras do Barroco europeo do século XVII até a primeira metade do XVIII, con composicións orixinarias de tres países: Alemaña, Francia e Italia: dos autores J. Rosenmüller, H. F. Biber e C. P. E. Bach (fillo de J. S. Bach), de Jean Marie Leclair, e de G. Frescobaldi, Corelli, Albinoni e A. Vivaldi, respectivamente.

    Este concerto conta coa colaboración da Parroquia de Santa María do Campo, de Ribadeo, e terá lugar o sábado, día 1 de setembro de 2012, ás nove menos cuarto, na igrexa parroquial de Ribadeo.

    Compárteo!
Comments are closed.