• Bota a andar a oitava edición de “Un futuro por compartir en igualdade”

    O Centro de Información ás Mulleres(CIM) de Ribadeo inauguraba no ano 2005 unha actividade coa vontade inicial de darlle permanencia ao longo dos cursos académicos e que consistía en desenvolver unha campaña de sensibilización en igualdade nos centros educativos. Entendíase daquela, e séguese a pensar agora, que a mellor forma de atallar a violencia de xénero é  facendo fincapé na prevención. E de aí o nacemento do proxecto “Un futuro por compartir en igualdade”, no que colaboran as delegacións de Igualdade e Mocidade, xunto co CIM e máis coa OMIX e no que participan de xeito activo as alumnas e alumnos e máis o claustro docente do CEIP Gregorio Sanz, Colexio Sagrado Corazón, IES Ribadeo e o centro de formación profesional Porta da Auga.

    O proxecto fai partícipes de actividades a través das cais se vehicula o rexeitamento de pleno á violencia machista e se fomentan os valores da igualdade e a corresponsabilidade.

    Os nenos e nenas de primaria traballarán o teatro con obradoiros dirixidos ao alumnado de 4º, 5º e 6º que estarán coordinados por María Inés Cuadrado, actriz e narradora oral. Estas actividades desenvolveránse os días 19 e 20 de novembro.

    Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO participarán nun concerto acústico con Sés, Mª Xosé Silvar, que xa tivemos a oportunidade a través doutro curso que se fixo en xuño de disfrutar dun concerto, de poder falar con ela e de ver a súa rama pedagóxica. As charlas de Sés e o concerto que ofrecerá co seu guitarrista serán o día 23 de novembro entre as 10:30 e as 12:30 da mañá. A esta actividade acudirán 256 rapaces e rapazas de ESO.

    A novidade deste ano é a actividade Radiando igualdade. Trátase dun concurso de guións radiofónicos que deberán facer os alumnos e alumnas participantes. Terán un período de formación, outro de elaboración e despois chegará a posta en escea. O alumnado co apoio do profesorado e persoal técnico será o propio protagonista do deseño dun programa de radio. Elexirán o formato: tertulia, entrevista, informativo… e farán a montaxe de todo o programa, desde o guión ata a súa emisión en directo.

     

    Compárteo!
    Post Tagged with , ,
Comments are closed.